Silencio. Un escenario. Un auditorio. Baleiro. Mesas. Cadeiras. Baleiras. Silencio.
O escenario. Un acordeón nunha cadeira. Nun recuncho. Un mantón vermello. Tirado no chan. Unha rosa branca no medio do escenario.
O auditorio. As cadeiras enriba das mesas. Todas. Agás dúas. No chan. Xunto a unha mesa. Dous vasos cheos no medio da mesa. Separados.
Silencio. Non. Dous acordes ao fondo. Máis acordes. Unha melodía.
O acordeón comeza a cobrar vida. Un tango xorde del. Tango. Unha palabra poderosa. Unha palabra que abarca tantas cousas. Unha palabra con forza e vigor. Un símbolo de paixón e poder. Os sentimentos latentes no corazón latino.
Tentación. Dous corpos un contra o outro. A camisa mollada de suor. Carne humana.
A alma. A alma pura da danza ou quizais unha alma que se purifica coa danza? Ou quizais o animal que se rebela? O animal que sae e se mostra, motivado polo tango apaixonado e salvaxe?
Ninguén. Só un home e unha muller. Ninguén agás os dous protagonistas. Eles e a música. Ninguén máis. Ninguén. Só dous corpos nunha loita interna. Por que non entregarse á paixón do tango?
Grandor. Tango. Un baile de alturas, de rabia, de liberación. Pero tamén de realeza. Nel vese o sangue dun león, dun tigre, dun puma negro, coma o propio baile: misterioso, fascinante, poderoso, perigoso. Suave coma a pel dun puma. Tenro, pero perigoso. Marcado.
Obstinación. Deixamos saír os nosos desexos máis íntimos. Xa non os agochamos. O tango apoderouse de nós. Deixámonos levar. Rendémonos a el. Somos monicreques nas súas mans. Non temos forza de vontade. A súa teimosía. Controlanos ao seu antollo. Non nos deixará marchar ata que queira. Mostra quen é o máis forte. Estes corpos son teus, tango.
O tango sabe que el ten o control. Dirixe a música, a súa arma letal. O corpo entrelázase, sente cada vez máis a arma ás costas. A dominación é total. Non hai posibilidade de rebelión. Estamos atrapados. Desprotexidos. O tango non nos solta. Os dous loitamos entre nós. Non hai outra saída. Ninguén domina. Os brazos enredanse. As pernas enredanse. Satisfacción? Unha man. Unha perna. Unha racha na saia.
O tango inclínase cara a ela. Fai que ela vexa que agora é ela a que ten o poder. A loita está decidida. El axeónllase diante dela. É o perdedor.
A música esvaece. Catro acordes. Tres acordes. Silencio. O acordeón cala.
Silencio. Un escenario. Baleiro. Un auditorio. Baleiro. Mesas. Cadeiras. Baleiras. Silencio.
O escenario. Un acordeón xunto a unha cadeira. Nun recuncho. Sen mantóns vermellos. O chan está baleiro. Non hai unha rosa branca no medio do escenario.
O auditorio. Cadeiras sobre as mesas. Todas elas. Agás dúas. No chan, xunto a unha mesa. Dous vasos baleiros na mesa. Xuntos. Unha rosa branca entre eles. Un mantón vermello sobre unha cadeira.
Silencio. Non. Ruído de fondo. Conmoción. O local abre.
„Entren, señoras e señores, damas e cabaleiros. Veñan ao romanticismo. Veñan á melancolía. A primeira bebida de balde. Aberto toda a noite. Escoiten a Spaventa. Déixense levar polo encanto de Gardel. – Podedes calar dunha vez!? – Tango, enfeitízanos. Gocen do mellor servizo. Un puro para o cabaleiro, unha rosa branca para a dama…!