Situación: necesitamos traducir algo – un contrato, unha web, un folleto, un libro… –, que escollemos, un tradutor automático ou un tradutor humano?
O tradutor automático (a partir de agora, o “automático” para aforrar tempo – xa sabedes, o tempo é ouro e todo iso) fará a tradución moito máis rápido e gratis, que dúbida cabe. Ergo, aforramos tempo, é dicir, cartos; é dicir, ouro. Con todo, ao botarlle unha ollada ao resultado que o automático considera digno de presentarnos, atopámonos con: unha tradución literal, acepcións incorrectas en caso de polisemia ou falta de congruencia gramatical, por mencionar só algúns dos aspectos que poden esnaquizar unha tradución.
Neste caso o tempo tamén é ouro?
Ao humano, sen dúbida, lévalle máis tempo facer unha tradución, pero a cambio entréganos un resultado libre de erros gramaticais, contrastado con diversas fontes para elixir o vocabulario adecuado ao contexto, ademais da fluidez, a coherencia e a cohesión que o automático non soubo transmitir.
Digamos que optamos polo automático. Visto o resultado non nos queda outra que:
A) pasarlle o resultado a un humano, ben sexa tradutor ou corrector, para que o corrixa e pula;
B) pedirlle a un humano que faga outra tradución arrincando desde cero.
Ben.
No caso A, o humano non só terá que corrixir gramática e estilo, senón tamén comparar o resultado co texto orixinal para garantir a fidelidade da tradución. Nestas circunstancias, o ouro é tempo. O que aforramos en tempo e cartos co automático, perdémolo agora por partida dobre: o tempo extra que investirá o humano, máis o custo do seu traballo.
No caso B, o humano cobrará a tarifa acordada por facer a tradución, certo, pero polo menos aforraremos o tempo que nos fixo perder o automático. Ou sexa, os cartos pagos ao humano convértense en tempo gañado. O tempo é ouro.
Nas vosas mans está decidir. O tempo é ouro ou é o ouro tempo?